Monday 29 de April de 2024

Clausurada unha nova edición dos obradoiros de conciliación Móvete da Pobra


Os obradoiros de conciliación Móvete concluíron neste 7 de setembro, véspera do inicio do curso escolar, tras estar en funcionamento durante todo o verán na firme aposta da Administración local por favorece-la conciliación das familias, tal e como indica a concelleira da Igualdade, Charo Varela (Nós Pobra), quen asistiu á clausura.

Un ano máis, este servizo tivo como epicentro o CEP Salustiano Rey Eiras no período de vacacións dos/as escolares con idades comprendidas entre os 3 e 12 anos. Contouse, ademais, co Servizo de Madruga e a prestación de comedor para outorgar maiores facilidades.

A edil defende a conciliación como “unha prioridade.” De feito, nos días lectivos, volverá o Servizo de Madruga aos centros educativos públicos da infantil e da primaria do municipio (CEP Salustiano Rey Eiras, CEP Pilar Maestú Sierra e EEI Fernández Varela). Tamén pon en valor o labor das 12 monitoras que se ocuparon de atende-los obradoiros, ás cales cómpre suma-las outras 11 en prácticas. Doutra banda, Loida Fernández, en calidade de coordinadora, salienta o horario de conciliación que se oferta neste campamento dende as 07.30 ata as 16.00 horas e as numerosas actividades creativas realizadas.

Os obradoiros contaron nesta convocatoria cunha participación de 33 nenos e nenas na primeira quenda, 115 na segunda, 178 na terceira e 33 na cuarta. Seguindo unha metodoloxía de traballo activa, asistiron a experiencias lúdico-recreativas propias da tempada estival e adaptadas a cada rango de idade coa finalidade de inculcárlle-los valores da convivencia e autoestima, a mellora das habilidades motrices básicas, contribuír ao desenvolvemento dunha autonomía persoal e o establecemento de relacións de compañeirismo e amizade.